Rematou a tempada 2023

Grazas a todos !

Agardámoste no 2024 !!


 

ATRACCIONES

O Aquapark Cerceda dispón dunha ampla e variada gama de atraccións nas que tanto os máis atrevidos coma os máis pequerrechos da casa poden pasar un día xenial de entretemento. Dende as burbullas do jacuzzi ata a vertixe do Roaller Coaster. Dende a Ra ata o multipistas, todo é diversión nas nosas instalacións. A mellor oferta de lecer no único parque destas características existente en Galicia..

  COMPRA TUS ENTRADAS AQUÍ  

 

AQUATUBO PECHADO

Non apto para claustrófobos ou para aqueles aos que lles poña medo a escuridade. O Aquatubo Pechado mergúllanos na incerteza da máis completa negrume. Só ides estar ti e mais a rapidez da auga que flúe polo tubo. Berra todo o que queiras, non verás a luz ata chegar á saída. Atréveste?

 

AQUATUBO ABERTO

O Aquatubo ten todas as características que require un bo tobogán acuático: auga, curvas e emoción. Ideal para aqueles e aquelas máis reticentes aos tobogáns pechados. Unha espiral de diversión que remata cunha enorme chapuzada na gran piscina. Ponte en posición, espera a que che marquen a saída e lánzate!.

 

 

PISCINA DE ONDAS

«Un forte mar de fondo con ondas de 2 a 3 de compoñente norte…» — Poderiamos estar resumindo o panorama meteorolóxico marítimo, mais non, estamos a falar da nosa piscina de ondas. Unha tormenta perfecta de diversión para os máis atrevidos e atrevidas.

 

PISCINA DE BATUXADAS

Este é un dos pequenos espazos dos que dispoñen os máis cativos da casa. Unha sinxela piscina na que os nenos e nenas poderán dar as súas primeiras batuxadas e na que os pais poderán pasar un bo momento cos seus pequerrechos sen preocupacións.

 

 

PISCINA INFANTIL (O CALDEIRO)

Vamos, vamos, xa queda pouco… 3, 2, 1… auga vai!!! A pista de xogos acuáticos é unha das máis recentes e máis exitosas atraccións. Os máis pequerrechos agardan todos xuntos con impaciencia a que o gran caldeiro se encha, ata que finalmente a auga cae con forza anagando todo ao seu redor. Escóitanse risas e berros. Canóns de auga e pequenos muíños completan esta atracción única e exclusivamente deseñada para a diversión dos máis pequenos.

 

PISCINA INFANTIL (A RA)

Unha das nosas piscinas máis emblemáticas, a que proporciona mellores instantáneas cos pequenos da casa. A popular piscina da Ra está sempre disposta a albergar os sorrisos dos nosos pequenos, que gozan mentres baixan pola mini-multipista ou se dan unha ducha no noso xigantesco cogomelo.

Por suposto, o descenso pola ra é unha cita ineludible.

 

 

TOBOGÁN DOS DONUTS

Curva á dereita, curva á esquerda, espiral… auga! Dende unha torre de 11 metros comeza esta espectacular baixada chea de curvas nas que poderás pilotar un «donut» polas múltiples e imposibles curvas do percorrido.

O mellor está ao final do percorrido; preparad@s para a última curva?

 

PISCINA INFANTIL DO CONGRO

O congro, o coello e mais o polbo espérante para pasar un bo momento de diversión. Outra das nosas zonas para os máis pequenos da casa. Unha das que primeiro chama a súa atención por ser a que está xusto na entrada do recinto. Risas, saltos e chapucar, todo é empezar. E dende logo, aquí a diversión está máis que asegurada.

 

 

GÉYSER

Una das piscinas máis fermosas e, sobre todo, máis divertidas do parque. O noso Géyser permanente convértese nunha explosión de auga e risas. Unha das preferidas polos máis pequenos.

 

TOBOGÁNS

Na gran piscina central desembocan, xunto aos dous tobogáns espirais, 3 tobogáns cunha caída rápida. Ideal para aqueles que se inician nas emocións fortes antes de probar o Multipista e o Kamikaze.

 

 

KAMIKAZE

Atréveste con 54 metros de baixada e dous desniveis de vertixe? Só os máis destemidos son quen de enfrontarse ao Kamikaze. Agárrate á barra, espera á saída, colle pulo e lánzate. Notarás como a velocidade vai en aumento conforme baixas cortando a auga. Sen dúbida, unha das atraccións que mellores instantáneas ofrece de todo o parque.

 

JACUZZI

Senta e reláxate; as burbullas farán o resto. O jacuzzi é unha desas piscinas nas que o concepto relax toma forma. Accede a través de dúas grandes escaleiras a calquera das tres zonas que dan á piscina, cada unha coas súas características.

  • Unha parte con asentos e burbullas para a zona lumbar. Unha excelente hidromasaxe para eses días nos que a calor nos abafa de verdade. 
  • Outro espazo no que as burbullas ascenden dende o fondo e acariñan a túa pel ata facerche cóxegas.
  • Escapamos das burbullas e relaxámonos nas tranquilas augas do terceiro espazo desta singular piscina.

Non todo van ser emocións: proba o jacuzzi e atopa ese momento para repoñer forzas.

 

 

 

PARQUE INFANTIL

E como non todo vai estar pasado por auga, tamén temos un estupendo parque infantil con tobogáns, bambáns… Un espazo diferente para tomar a merenda e xogar un pouco máis xusto antes de coller o autobús.

 

MULTIPISTAS

Escolle 3 rivais, espera o sinal, empeza a carreira!

O multipista é a atracción con máis altura do parque; chega aos 15 metros. Notarás a forza do vento antes de baixar. Empeza a baixada; estamos moi igualados, pero ao final es ti quen chegas á auga primeiro. O público aplaude mentres recibe a onda que produces cando chegas á meta.

Espectacular!

 

 

ROALLER COASTER

Os nervios, medo, tensión… aí vén a baixada! Por un momento, a sensación de baleiro absórbete e dispárase a adrenalina. Breve si, pero máis intenso imposible! O Roaller Coaster, máis coñecido como «A Uve», é unha das nosas atraccións estrela, tanto para aqueles que collen o «donut» e se atreven con ela como para aqueles que, simplemente, miran dende a barreira.

E ti, atréveste?

 

 

PISCINA DE NATACIÓN

Nada, salta, zarrapica, mergúllate ou simplemente reláxate. Pero lembra: non te tires de cabeza. A mirada, sempre atenta, dos nosos socorristas é garantía de seguridade en todo momento. Así que despreocúpate e goza dun refrescante momento na nosa piscina de natación.

 

 


 

Polígono do Acevedo s/n - 15185 Cerceda - A Coruña. 43º10’27”N 8º28’13”W.

Tel. información parque: 682348556 / 981685036 dende as 8:30 ata as 14:00 hras de luns a vernes.

infoturismo@cerceda.es