ATRACCIONES O Aquapark Cerceda dispón dunha ampla e variada gama de atraccións nas que tanto os máis atrevidos coma os máis pequerrechos da casa poden pasar un día xenial de entretemento. Dende as burbullas do jacuzzi ata a vertixe do Roaller Coaster. Dende a Ra ata o multipistas, todo é diversión nas nosas instalacións. A mellor oferta de lecer no único parque destas características existente en Galicia.. |
![]()
AQUATUBO PECHADO Non apto para claustrófobos ou para aqueles aos que lles poña medo a escuridade. O Aquatubo Pechado mergúllanos na incerteza da máis completa negrume. Só ides estar ti e mais a rapidez da auga que flúe polo tubo. Berra todo o que queiras, non verás a luz ata chegar á saída. Atréveste? |
![]()
AQUATUBO ABERTO O Aquatubo ten todas as características que require un bo tobogán acuático: auga, curvas e emoción. Ideal para aqueles e aquelas máis reticentes aos tobogáns pechados. Unha espiral de diversión que remata cunha enorme chapuzada na gran piscina. Ponte en posición, espera a que che marquen a saída e lánzate!. |
![]()
PISCINA DE ONDAS A piscina de ondas funciona con normalidade, aínda que este ano polas medidas COVID ten unha capacidade limitada. «Un forte mar de fondo con ondas de 2 a 3 de compoñente norte…» — Poderiamos estar resumindo o panorama meteorolóxico marítimo, mais non, estamos a falar da nosa piscina de ondas. Unha tormenta perfecta de diversión para os máis atrevidos e atrevidas. |
![]()
PISCINA DE BATUXADAS Este é un dos pequenos espazos dos que dispoñen os máis cativos da casa. Unha sinxela piscina na que os nenos e nenas poderán dar as súas primeiras batuxadas e na que os pais poderán pasar un bo momento cos seus pequerrechos sen preocupacións. |
![]()
PISCINA INFANTIL (O CALDEIRO) Vamos, vamos, xa queda pouco… 3, 2, 1… auga vai!!! A pista de xogos acuáticos é unha das máis recentes e máis exitosas atraccións. Os máis pequerrechos agardan todos xuntos con impaciencia a que o gran caldeiro se encha, ata que finalmente a auga cae con forza anagando todo ao seu redor. Escóitanse risas e berros. Canóns de auga e pequenos muíños completan esta atracción única e exclusivamente deseñada para a diversión dos máis pequenos. |
![]()
PISCINA INFANTIL (A RA) Unha das nosas piscinas máis emblemáticas, a que proporciona mellores instantáneas cos pequenos da casa. A popular piscina da Ra está sempre disposta a albergar os sorrisos dos nosos pequenos, que gozan mentres baixan pola mini-multipista ou se dan unha ducha no noso xigantesco cogomelo. Por suposto, o descenso pola ra é unha cita ineludible. |
![]()
TOBOGÁN DOS DONUTS Curva á dereita, curva á esquerda, espiral… auga! Dende unha torre de 11 metros comeza esta espectacular baixada chea de curvas nas que poderás pilotar un «donut» polas múltiples e imposibles curvas do percorrido. O mellor está ao final do percorrido; preparad@s para a última curva? |
![]()
PISCINA INFANTIL DO CONGRO O congro, o coello e mais o polbo espérante para pasar un bo momento de diversión. Outra das nosas zonas para os máis pequenos da casa. Unha das que primeiro chama a súa atención por ser a que está xusto na entrada do recinto. Risas, saltos e chapucar, todo é empezar. E dende logo, aquí a diversión está máis que asegurada. |
![]()
GÉYSER Una das piscinas máis fermosas e, sobre todo, máis divertidas do parque. O noso Géyser permanente convértese nunha explosión de auga e risas. Unha das preferidas polos máis pequenos. |
![]()
TOBOGÁNS Na gran piscina central desembocan, xunto aos dous tobogáns espirais, 3 tobogáns cunha caída rápida. Ideal para aqueles que se inician nas emocións fortes antes de probar o Multipista e o Kamikaze. |
![]()
KAMIKAZE Atréveste con 54 metros de baixada e dous desniveis de vertixe? Só os máis destemidos son quen de enfrontarse ao Kamikaze. Agárrate á barra, espera á saída, colle pulo e lánzate. Notarás como a velocidade vai en aumento conforme baixas cortando a auga. Sen dúbida, unha das atraccións que mellores instantáneas ofrece de todo o parque. |
![]()
JACUZZI Senta e reláxate; as burbullas farán o resto. O jacuzzi é unha desas piscinas nas que o concepto relax toma forma. Accede a través de dúas grandes escaleiras a calquera das tres zonas que dan á piscina, cada unha coas súas características.
Non todo van ser emocións: proba o jacuzzi e atopa ese momento para repoñer forzas. |
![]()
PARQUE INFANTIL E como non todo vai estar pasado por auga, tamén temos un estupendo parque infantil con tobogáns, bambáns… Un espazo diferente para tomar a merenda e xogar un pouco máis xusto antes de coller o autobús. |
![]()
MULTIPISTAS Escolle 3 rivais, espera o sinal, empeza a carreira! O multipista é a atracción con máis altura do parque; chega aos 15 metros. Notarás a forza do vento antes de baixar. Empeza a baixada; estamos moi igualados, pero ao final es ti quen chegas á auga primeiro. O público aplaude mentres recibe a onda que produces cando chegas á meta. Espectacular! |
![]()
ROALLER COASTER Os nervios, medo, tensión… aí vén a baixada! Por un momento, a sensación de baleiro absórbete e dispárase a adrenalina. Breve si, pero máis intenso imposible! O Roaller Coaster, máis coñecido como «A Uve», é unha das nosas atraccións estrela, tanto para aqueles que collen o «donut» e se atreven con ela como para aqueles que, simplemente, miran dende a barreira. E ti, atréveste?
|
![]()
PISCINA DE NATACIÓN Nada, salta, zarrapica, mergúllate ou simplemente reláxate. Pero lembra: non te tires de cabeza. A mirada, sempre atenta, dos nosos socorristas é garantía de seguridade en todo momento. Así que despreocúpate e goza dun refrescante momento na nosa piscina de natación. |